Inicio Novas Mozos en paro deixan pisos en Lugo en aluguer e regresan ao rural

Imprimir Correo-e

Mozos en paro deixan pisos en Lugo en aluguer e regresan ao rural


Animados pola bonanza económica, durante os últimos anos moitos mozos do rural lucense fixeron as maletas e instaláronse en Lugo para traballar. Pero agora a situación cambiou, e algúns están tendo que emprender o camiño á inversa. Segundo explicaron en distintas inmobiliarias da cidade amurallada, nos últimos meses está emerxendo un fenómeno novo: o de mozos que logo de quedar en paro se ven obrigados a deixar os pisos de aluguer en que vivían desde fai un tempo para volver a casa dos seus pais.

Ao parecer, parte deles son naturais de poboacións do rural lucense, como sinalaron na inmobiliaria Futura, onde precisaron que polo momento non hai unha «avalancha», aínda que xa se produciron varios casos de rapaces que retornaron «á aldea» ao quedar sen emprego e non poder facer fronte aos gastos. «Deixaron os inmobles que tiñan alugados en Lugo e volveron a casa para atender a explotación familiar», indicaron.

Un retorno «forzoso» ao mundo rural que parece ter billete de ida e volta, como destacaron noutro negocio: «Moitos decidiron traballar na agricultura ata que atopen algo [un traballo] e poidan regresar a Lugo».

«Polo momento nós non temos constancia, pero non me estranaría nada que os houbera xa que moita xente nova depende do traballo para pagar o aluguer», comentaron en inmobiliaria Atlas. Por este motivo, cando quedan no paro comezan os problemas, especialmente cando terminan de cobrar o subsidio por desemprego, polo que algúns deciden retornar a casa dos seus pais.

Boa parte dos mozos que se atopan nesta situación teñen entre vinte e trinta anos e carecen aínda de cargas familiares. Ata agora algúns vivían sos, xa que co soldo que gañaban podían permitirse asumir en solitario o aluguer dun apartamento, pero outros tiñan que compartir piso con outros compañeiros para reducir gastos. A situación estase percibindo de xeito especial en zonas da capital como Augas Férreas, Magoi ou Alfonso X, entre outras, que na última década experimentaron un importante crecemento urbanístico coa construción de numerosos edificios.

Fonte: Lucía Rey / La Voz de Galicia

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos