|
|
O portal inmobiliario idealista.com fixo público un estudo no que se conclúe que só un 13% das vivendas á venda en Lugo se corresponden cos desexos dos potenciais compradores. Este estudo elaborouse tendo en conta as características dos 207 pisos que se venden a través deste portal de Internet e as preferencias de procura dos interesados na compra. Así, revélase que estes últimos buscan un piso de máis de 90 metros cadrados, con tres habitacións como mínimo e un prezo máximo de 169.819 euros. No comunicado de idealista.com especifícase que só 27 das 207 vivendas á venda reúnen estas condicións. Segundo o portal inmobiliario, a maior parte das persoas que entran na páxina fano con intención de comprar e non alugar. Neste aspecto, o grao de correspondencia entre a oferta e os gustos da demanda parece ser maior, posto que das 22 vivendas que hai en aluguer, 14 encaixan coas preferencias dos futuros inquilinos. é dicir, un 63,6%. Neste caso, o piso máis buscado para alugar debe ter un mínimo de 76 metros cadrados, dous dormitorios e un custo mensual de 450 euros como máximo. En calquera caso, é unha minoría a porcentaxe de persoas interesadas no aluguer, xa que segundo os datos rexistrados en abril na web, o 95,2% das entradas fixéronse sobre ofertas para mercar. Sempre segundo os datos de idealista.com, as zonas máis atractivas da capital lucense son Catasol e Sanxillao, tanto para quen quere comprar como para os que buscan alugar. A continuación, está a zona de Fingoi e O Carme; e, para rematar, o centro histórico para os que queren comprar e a Milagrosa para alugar. Fonte: G.G.U./ La Voz de Galicia |






