Inicio Novas Un caso sospeitoso de gripe A activa a alerta no hospital de Lugo

Imprimir Correo-e

Un caso sospeitoso de gripe A activa a alerta no hospital de Lugo


Un home que recentemente chegou de Estados Unidos con síntomas de pneumonía vírica permanece illado no complexo hospitalario Xeral-Calde de Lugo con tratamento de gripe común porque "non cumpre os criterios dos protocolos de gripe A nestes momentos".

Segundo aseguraron a Europa Press fontes da Consellería de Sanidade, o paciente "non cumpre cos protocolos actuais para ser caso en estudo da gripe A ,polo que se lle fan as probas habituais de gripe común".

Neste sentido, as mesmas fontes recalcaron que este home permanece illado con tratamento dunha patoloxía respiratoria "como gripe normal". O paciente chegou recentemente de Estados Unidos, país con máis de 600 persoas infectadas pola gripe A nunha vintena de estados, das cales morreron dúas.

Fontes hospitalarias sinalaron que a chegada ao centro deste paciente provocou que se activase o protocolo que se segue para a gripe A, a pesar de que non entra nos criterios establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e do Ministerio de Sanidade.

A noticia foi adiantada por El Progreso na súa edición impresa deste xoves. O xornal informa de que o Xeral-Calde activou este mércores o protocolo de actuación ante un posible caso de gripe A tras chegar ao servizo de Urxencias o caso dun home con síntomas de padecer o virus H1N1. O paciente foi trasladado en ambulancia ao hospital de Calde, onde foi illado nunha das dúas habitacións de presurización negativa con que conta o centro.

Desde a Consellería de Sanidade rexeitaron o mércores confirmar esta información, aínda que si aseveraron que se trata dun "caso sospeitoso de ser sospeitoso de gripe nova". Fontes próximas ao hospital confirmaron a este diario que un home chegou o mércores ao servizo de Urxencias do Xeral con febre alta, cansazo e dores musculares e que, interrogado acerca de se viaxara a Estados Unidos ou México nos últimos meses, confirmou que chegara de viaxe desde Norteamérica hai apenas unha semana.

Inmediatamente activouse o protocolo establecido para estes casos, que establece o inmediato illamento e colocación dunha máscara ao paciente. Despois, foi trasladado en ambulancia ao hospital de Calde por efectivos sanitarios dotados de luvas e máscaras para practicárselle as probas que confirmaran ou descartaran a enfermidade.

O home foi ingresado nunha das dúas habitacións de presurización negativa con que conta o centro onde, por outra banda, na tarde do mércores vivíase unha absoluta tranquilidade.
A secretaria provincial de CIG-Saúde, Carmen Aira, explicou que esta persoa chegou de Estados Unidos "hai poucos días" e, como consecuencia diso estase aplicando o protocolo de sospeita de grao intermedio e, se se confirma, procederase en consecuencia".

Respecto diso, precisou que o protocolo para estes casos foi presentado "hai unha semana ao comité de seguridade e saúde do Xeral Calde e este é coherente, baseado en recomendacións da Organización Mundial da Saúde e en cuestións obxectivas".

Ademais, destacou que a Xerencia se reúne todas as mañás con especialistas de distintos campos relacionados co tratamento da gripe". "Paréceme que, nesta ocasión, as cousas están a facerse ben", concluíu Aira.

Fonte: Miriam Quiroga + Europa Press (Lugo)/ El Progreso

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos