|
|
A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus lucense reuniu onte (07/05/09) nunha mesa redonda, moderada polo profesor Francisco Ferreiro, a representantes dos tres sindicatos -CIG, CC.OO. e UXT- e da Asociación Provincial de Empresarios da Construción (APEC), da Confederación de Empresarios de Lugo (CEL) e da Cámara de Comercio para falar da actual crise económica na provincia lucense e de posibles solucións. Eugenio Corral , xerente da APEC, situou a caída do sector da construción en niveis de ata o cincuenta por cento e aludiu a que o problema da demanda está no acceso ao crédito. Nunha provincia con entre un 11 e un 14 por cento da poboación ocupada na construción, centrada fundamentalmente en obra pública (20%) e en edificación (80%), é esta a que acusa máis a crise. As medidas que propuxo foron: finalizar canto antes o eixo transcantábrico; acelerar a dispoñibilidade de chan e decidir os prazos do AVE. En opinión de Corral , son as infraestruturas as que «manteñen o emprego e crean as bases para un posterior desenvolvemento». Polo que respecta á vivenda, o xerente da APEC avogou por buscar o equilibrio entre a capacidade de compra e a posibilidade de acceso a esa vivenda; axilizar os procedementos para poder dispor de chan e rebaixar a presión fiscal. Manuel Chaín, de UXT, centrou a súa intervención no sector primario, sinalando respecto diso que serían necesarios «varios meses de suba constante do prezo do leite para recuperar o sector». Entre as demandas que puxo sobre a mesa figuran a de garantir a recollida a prezos que permitan cubrir os custos de produción, pór en marcha un plan estratéxico para o sector lácteo e implantar a trazabilidad do produto. Segundo el, «non pode ser que o trinta por cento do leite importado fixe o prezo do setenta por cento do leite producido aquí». A representante da CEL, Lourdes Pardo, foi a encargada de presentar as medidas que demandan os empresarios para saír da crise. Entre elas están as de garantir a liquidez das empresas; incentivar as fusións; a reforma fiscal e laboral e as medidas de internacionalización e de creación de empresas. Para Jesús Castro, de CC.OO., as solucións que se están propondo non van dirixidas a atacar a causa do problema, co cal o que se impón é un cambio do modelo produtivo. Á marxe de propostas globais, recoñeceu que «dá crise hai que saír sós, o cal é posible porque somos un país que pode producir». Para iso considera necesario dar prioridade aos que realmente son os sectores importantes na provincia. En canto ás medidas expostas, citou as seguintes: investir en capital humano; dinamizar o turismo e potenciar as comunicacións ferroviarias. Partindo de que non se pode demonizar aos empresarios, o director da Cámara de Comercio, Alberto Fernández, afirmou que para que haxa emprego ten que haber empresas. Ademais de referirse á falta de seguridade xurídica, invitou aos presentes a tratar de pescudar onde acaban os fondos europeos que veñen a Galicia. José Ferreiro, da CIG, defendeu un cambio de sistema. O que non se pode facer, desde o seu punto de vista, é «meter parches para perpetuar este problema e dentro duns anos estar igual». Neste contexto de crise, no que percibe unha perda de ideoloxía na sociedade, considera necesario, por exemplo, reformar o sistema impositivo e aproveitar ás persoas mellor formadas. Ferreiro dixo que non é fundamental abaratar o despedimento para solucionar a crise e pediu unha intervención pública no sector lácteo. Fonte: C. López / La Voz de Galicia |






