|
|
O alcalde de Lugo, José López Orozco, aproveitou a súa viaxe a Washington para doar un exemplar do libro A muralla de Lugo á Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, que está considerada a máis grande do mundo. O rexedor entregou o libro, na súa versión en inglés, á responsable da División Hispánica, Georgette Magassy Dorn, e ao bibliógrafo xefe desa división, o galego Juan Manuel Pérez. Nesta biblioteca, na que hai máis de 17 millóns de libros e 95 millóns de mapas, manuscritos, fotografías, películas, gravacións e outros materiais, entran diariamente 10.000 novos libros publicados en todo o mundo. Segundo destacou o Concello de Lugo, "a característica é que son libros que están á venda nalgunha tenda", mentres que o libro que levou o rexedor "nunca estivo á venda, xa que se utiliza exclusivamente como agasallo institucional no Concello lucense". López Orozco trasladoulles a importancia que supón para a cultura dunha cidade como Lugo que "crece e que cada vez está máis orgullosa da súa historia e do seu futuro, o feito de que o seu monumento máis emblemático, a muralla romana, forme parte desta base de datos bibliográfica de referencia en todo o mundo". O rexedor interesouse por saber se na Biblioteca do Congreso xa contaban con exemplares relacionados coa cidade de Lugo, e mostráronlle obras de autores lucenses que escribiron sobre a cidade, e aos que agora se unirá o exemplar recentemente doado. Este centro bibliográfico, que suma 209 anos de vida, conta con pezas tan importantes para a historia de España como unha copia do testamento de Isabel a Católica, a mellor colección das obras de Cervantes de todo o mundo ou 123 carteis orixinais da Guerra Civil española, que se conservan na coñecida como División Hispánica. López Orozco atópase en Washington invitado pola Organización de Estados Americanos (OEA), para participar nunha reunión da Cicad (Comisión Interamericana para o Control do Abuso de Drogas), onde expón a política española en materia de prevención de drogas e prepara o II Foro Internacional contra as Drogas, que se celebrará en Lugo en maio de 2010. Fonte: El Progreso Digital (Lugo) |






