|
|
O avogado lucense Luis Lamas Novo (Lugo, 1971) perfílase como novo presidente da Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), en substitución de José Álvarez Díaz, segundo informa o xornal El Progreso na súa edición impresa deste domingo (10/05/09). Lamas foi concelleiro do Concello de Lugo desde 1995 a 2003 e, desde ese ano, mantíñase afastado da actividade política, non así da súa militancia no PP, e estaba centrado na avogacía e nos seus labores de docente e subdirector na escola de Relacións Laborais. Desde hai ano e medio, ademais, firma con gran éxito unha columna semanal de opinión en El Progreso. Lamas é, na actualidade, o mellor situado para ocupar a presidencia de Sogama, unha sociedade que se viu envolvida en sucesivos escándalos durante os últimos catro anos, xa que está a ser investigada por tráfico de influencias pola suposta firma irregular de contratos millonarios, así como por un presunto delito ecolóxico por verteduras ilegais no río Lengüelle (A Coruña). Pero Sogama ten, ademais, numerosos retos por diante. Moitos municipios galegos seguen sen ter solucionado a vertedura dos seus residuos e moitos deposítanos ao aire libre, entre eles varios lucenses, e o lixo acumúlase nas instalacións desta empresa pública. Se Lamas é elixido finalmente para dirixir esta empresa pública, traballará estreitamente con outro lucense, Xusto de Benito, nomeado recentemente secretario Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, dependente da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas que dirixe Agustín Hernández. Fonte: El Progreso (Lugo) |






