Inicio Novas O Concello denunciou a 14 locais por incumprir os horarios

Imprimir Correo-e

O Concello denunciou a 14 locais por incumprir os horarios


Moitos hostaleiros e empresarios que pechan en hora súmanse ás queixas por quen non o fan. Cada un dos expedientes trasladouse a Xustiza porque a competencia nestes casos é da Xunta.

Catorce locais da capital foron denunciados nos últimos tres meses por pechar máis tarde do permitido. Segundo indicaron fontes municipais, os 14 expedientes trasladáronse á Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, posto que a súa tramitación é competencia da Xunta. O incumprimento dos horarios de peche é algo que non só molesta aos veciños afectados polo ruído, senón tamén ao gremio de empresarios de hostalaría que sí pechan á hora, segundo afirmou o presidente da Asociación Provincial de Hostalaría, José Francisco Real, recalcando que hai «moitos asociados que se queixan por este motivo».

A Xunta regulou en 2005 os peches de todos os locais e espectáculos, de maneira que os horarios forman unha cadea graduada. Os restaurantes son os primeiros, posto que teñen que botar a chave ás 02.30 horas. Séguenlles as cafeterías, cuxo límite está nas 03.00 horas; e despois van os karaokes ou pubs. Esta clase de locais teñen como límite as 04.00 horas, pero as noites dos fins de semana e vésperas de festivo poden ampliar media hora, que se suma aos trinta minutos que teñen de marxe para desaloxar. Así, a partir das 05.00 horas a xente só podería acudir a taboados flamencos, discotecas e salas de festas ou baile. Estes establecementos, tendo en conta a ampliación de horario por fin de semana e o tempo de desaloxo, serían os encargados de pór punto e final ás madrugadas de esmorga ás 06.30 horas.

No momento en que un dos establecementos do principio da cadea a rompe, significa trastornar a actividade de todos os demais, posto que a chegada da clientela atrásase e, polo tanto, tamén «obriga» a atrasar a hora de peche.

Este xornal comprobou na madrugada do pasado sábado (09/05/09) que a maior parte dos pubs do centro histórico pechan, polo menos, unha hora máis tarde do acordado. A pesar diso, o presidente da Asociación de Hostalaría destacou que «a inmensa maioría de empresarios cumpre co establecido, son moi poucos quen non o fan». Esa minoría provoca as reiteradas queixas dos veciños, que ademais de investir miles de euros en insonorizar as vivendas, teñen que aguantar os excesos de cada fin de semana.

Fonte: Gadea G.Ubierna (La Voz de Galicia)

 

Publicidade

Axenda

<<  Febreiro 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
    1  2  3  4  5
  6  7  8  9101112
13141516171819
20212223242526
272829    

Próximos eventos