O presidente da Confederación de Empresarios de Lugo pide "suavizar os custos do despedimento para o empresario" |
O presidente da Confederación Empresarial Lucense, Eduardo Jiménez, abogou hoxe (08/08/09) por abaratar os custos do despedimento. "O tema do despedimento é algo que hai que suavizar en canto a custos para o empresario", reflexionou.
Jiménez, que confesou estar "moi contento" coa reelección onte de Antonio Fontenla na CEG, considerou que habería que rebaixar os custos da Seguridade Social, xa que son "moi fortes neste país", estimou. Á súa vez, apostou por que se revise o que ten que ver coa "productividade", xa que constatou que "non está moi arraigada" e ata detectou que está "baixando". "Habería que revisar isto cos sindicatos e toda a sociedade. Temos que ter un espírito de traballo maior do que existe", esgrimiu. Á súa vez, expresou a súa "preocupación" polo ERE que afecta á planta de Leite Pascual en Outeiro de Rei, pero considerou que "non se trata dunha decisión caprichosa da empresa". "A ninguén lle gusta facer iso, pechar unha actividade, pero concurren unha serie de problemas enormes como son os custos de produción, a competencia de produtos importados e as marcas brancas, que afectan á rendibilidade, e a empresa ten que pechar", esgrimiu. En canto a Fontenla, o presidente da CEL recordou que toda a organización empresarial de Lugo envorcouse con esta candidatura e non escatimou en eloxios cara á figura do reelixido presidente da CEG, do que destacou "a súa entrega total en canto a dedicación de tempo e a súa gran experiencia" Fonte: EUROPA PRESS |