Setenta e dous cursos na Universidade de Verán da USC |
Dezasete vilas galegas, ademais de Lugo e Santiago, serán sede dalgún dos setenta e dous cursos que a Universidade de Santiago organizará entre os meses de xullo e setembro deste ano. A programación da Universidade de Verán da USC, a máis ampla na historia desta institución, presentárona en Fonseca o reitor Senén Barro, a vicerreitora de Cultura, Elvira Fidalgo, e o responsable dos cursos, Pablo Sampedro, que agarda superar os 3.750 matriculados da edición anterior.
A nova denominación, ‘Universidade de Verán’, implica unha reorientación cualitativa da programación que se caracteriza por unha importante descentralización xeográfica, coa existencia de catro campus de verán e outras numerosas sedes en todo o territorio galego xunto coa oferta propia dos campus da USC. Así, serán trinta e tres no Campus de Santiago; seis no de Lugo; cinco en Muros; catro en Sarria, os mesmos que en Vilagarcía de Arousa; tres en Guitiriz e en Seoane do Courel; dous en Moaña e outros tantos en Ribadeo; e, finalmente, un en Bande, Burela, Caldas de Reis, Foz, Lalín, Lousame, Mondoñedo, Noia, Ordes e Sanxenxo.
Pero non só se amplían as sedes dos cursos, tamén a propia oferta é maior este ano e introducíronse novas modalidades (xunto aos de máis de 30 horas existen outras posibilidades en duración e formato). Ademais, estendeuse o calendario aos meses de agosto e setembro e aumentouse o número de bolsas de matrícula gratuíta a 216, que deberán solicitarse entre o 11 e o 22 de maio.
O prazo para matricularse nos cursos abrirase o 25 de maio para os que a efectúen en liña por internet e a partir do 15 de xuño para quen a formalice de maneira presencial. A inscrición rematará dependendo do inicio dos cursos.
En Santiago, e no mes de xullo, desenvolveranse cursos sobre protección das vítimas dos conflitos armados, educación e vida saudable, o menor en perspectiva xurídica, Europa á luz da diferenza, plurilingüismo na escola, investigación criminal en España, dereito en serio e de broma, competencias científicas na aula de ciencias, cooperación para o desenvolvemento, xerontoloxía, tráfico e seguridade vial, televisión e ficción, movemento e danza como inspiración na aprendizaxe, bioinformática, emprendemento, robótica, dirección de proxectos, relacións laborais e globalización, rehabilitación social dos presos, dereito á saúde, Galicia e o medioambiente, a revolución do Software Libre 2009, a sociedade do coñecemento en tempos de crise, Ubuntu GNU/Linux 2009 e a "espectacularización" da cultura.
Xa en setembro os cursos versarán sobre edición de textos en LaTeX, o combate contra a pobreza, a tutela internacional dos dereitos e liberdades públicas fundamentais, a prestación de servizos sanitarios, o Software Libre e a Lingüística, biocombustibles, educación e dereitos humanos e economía doméstica e uso do tempo dos fogares.
O cabalo, os fundamentos de proxectos industriais, a seguridade alimentaria, a xestión de actividades deportivas, a planificación estratéxica territorial aplicada á análise provincial e dereito e saúde son os cursos de verán a desenvolver entre xullo e setembro en Lugo.
O Campus de Verán de Muros acollerá seminarios sobre innovación na pesca de baixura, accidentes de tráfico, a xestión integral do patrimonio arqueolóxico, o conflito e as súas técnicas de solución e certificacións e calidade no turismo.
No de Sarria trataranse cuestións como o desenvolvemento económico da zona centro-sur da provincia de Lugo, educación emocional e comunicación non violenta na sociedade da información, patrimonio natural e desenvolvemento rural no entorno das serras orientais do Camiño de Santiago en Galicia e paisaxe e comunicación no Camiño de Santiago.
A auga como ben de consumo, a violencia de xénero, a dislexia e a xustiza en relación ás novas tecnoloxías serán as temáticas dos cursos do Campus de Verán de Vilagarcía de Arousa. Por último, no de Guitiriz impartiranse tres sobre cultura e paisaxe, xestión das augas residuais no ámbito rural e comunicación e deporte.
A ornitoloxía, a paisaxe no Courel, a inmunoloxía, a pesca do bacallau no século XX, a agroecoloxía, o patrimonio arqueolóxico, a inmigración e o desenvolvemento local, a inmigración, infancia e escola na Historia do Cine, estado de benestar e xénero , xestión do patrimonio industrial, espazos naturais protexidos nun mundo en cambio, as vilas e portos na fachada cántabro-atlántica nos séculos XII-XVI, a xestión ambiental nos concellos galegos e o impacto socioeconómico do turismo do século XXI serán as temáticas do resto dos cursos da Universidade de verán da USC 2009 Fonte: Xornal Galicia.com |