A Fiscalía pide 16 anos de cárcere para catro brigadistas acusados de incendio intencionado na Fonsagrada |
O ministerio fiscal mantivo nas súas conclusións provisionais a petición de 16 anos de cárcere para os catro integrantes dunha brigada contra incendios do municipio da Fonsagrada acusados dun suposto "delito continuado de incendio intencionado".
Así, cada un dos catro imputados enfróntase a unha petición tanto da acusación pública, como da particular --encabezada pola Xunta de Galicia--, de catro anos de prisión e a multas de máis de 3.000 euros así como a 2.700 de indemnizacións. As defensas, pola súa banda, abogan pola libre absolución. O xuízo, que se iniciou con atraso pola selección do xurado, seis mulleres e cinco homes, prolongarase mañá coa declaración dos peritos. No proceso foron chamados a declarar máis de 50 testemuñas. Segundo recolle o escrito do fiscal, os feitos que se xulgan producíronse o vinte de xullo de 2005 cando, acreditou a Fiscalía, os encausados prenderon varios lumes en tres puntos do Concello da Fonsagrada. Un dos avogados, Jesús Amarelo, confiou en que os catros brigadistas sexan absoltos, "por canto non hai ningunha proba". "A acusación é infundada e isto non tiña porqué chegar ata aquí, tíñase que ter sobreseído no xulgado de instrución", lamentou. En opinión deste letrado "a presión mediática naquel momento e ante a cantidade de incendios que se producían, as forzas de seguridade necesitaban algunha actuación para presentar" polo que considerou que a acusación "non está sustentada en nada". Os brigadistas acusados continúan traballando no servizo de extinción de incendios, e, segundo sinalou o avogado, na súa contorna laboral "todo o mundo é consciente de que non teñen nada que ver cos feitos". "Están acusados inxustamente", asegurou. Os tres lumes polos que se lles acusa, que negaron causar na súa declaración, calcinaron 0,01 hectáreas nunha ocasión, 10 metros cadrados noutra e 1,6 hectáreas na terceira. Fonte: EUROPA PRESS |