|
|
O programa de visitas kilómetro 0 incorporará en setembro 14 novas actividades vinculadas ao deporte e á aventura, a maioría gratuítas. Con diñeiro ou sen diñeiro para gastar, pouca xente rexeita unha viaxe gratuíta aínda que sexa dunha xornada, máxime se é por unha provincia coa variedade de paisaxes e destinos como a de Lugo. Por iso o programa kilómetro 0, da Deputación, estaba predestinado ao éxito. As perspectivas cumpríronse, segundo dixo onte o presidente, e agora vai ser ampliado. Segundo anunciou José Ramón Gómez Besteiro, ademais de aumentar o número de rutas a partir do próximo mes de setembro, tamén lle darán unha volta de torca e serán incorporadas 14 actividades novas destinadas para os viaxeiros máis deportistas e dinámicos, baixo a denominación de Km0 Xtreme. Once seguirán sendo gratuítas como as actuais excursións, e tres serán de pago porque requiren o emprego de medios caros. «É coma se ao kilómetro 0 lle saira un fillo», dixo o titular da institución provincial sobre esta variante. Con todo, non será a única, porque o próximo ano haberá un Km0 dedicado exclusivamente ao Xacobeo e centrado nos tramos lucenses dos camiños de Santiago. As 88 rutas elaboradas para a primeira edición do programa de viaxes da Deputación incrementaranse ata as 135 na segunda etapa, a partir do primeiro de setembro. Besteiro incidiu en que ata o momento xa foron organizadas visitas para preto de 350 colectivos, cuns 6.000 participantes. Se se cumpren as previsións da institución, ao finalizar o 2010 máis de 22.000 lucenses tomarían parte nalgunha das modalidades do Km0. As novidades da segunda edición foron presentadas onte pola mañá na área dos Robles coa asistencia de destacados deportistas internacionais e expertos nas actividades que se van a incorporar. Acompañaron a Besteiro, Ramos Misioné, Vicente Bohorque Chousa, Eugenio Rodríguez, Aída Valiño Prieto, Carlos David Prieto, José Manuel Arias Vázquez e Francisco Vázquez Redondo. Fonte: Benigno Lázare (La Voz de Galicia) |






