|
|
O alcalde, José López Orozco, deu instrucións á concelleira de Economía, Sonia Méndez, para buscar fondos no orzamento municipal para ampliar o número de prazas no programa de inserción laboral Piles. Así o asegurou onte a edila Méndez, en resposta a preguntas do xornalista, ao fío da demanda realizada pola Federación de Asociacións, Unave e algúns colectivos veciñais de modo independente para unha maior implicación do Concello na loita contra o paro. Sonia Méndez dixo que cre que os representantes veciñais non están ben informados das medidas anticrisis aplicadas polo Concello, porque son numerosas e en distintos campos. Con respecto ao programa Piles declarou que ofrece 16 prazas, e que as persoas contratadas por esta vía dedicaranse a labores de mantemento tanto na zona urbana como no medio rural. Indicou que para as 16 prazas presentáronse cen aspirantes; por iso, o alcalde deu indicacións para tratar de buscar recursos para ampliar o número de postos. Doutra banda, a mesma edila recordou que o orzamento municipal para o actual exercicio foi deseñado pensando na crise económica e nas súas consecuencias. Destacou a incomprensión demostrada polos grupos da oposición municipal. Recordou as bonificacións establecidas nas ordenanzas fiscais municipais, así como a conxelación, no que compete ao Concello, dos principais impostos que xestiona a institución municipal. A mesma edila socialista resaltou que o Concello de Lugo programou Lugo Emprego Activo, un plan de formación remunerada con 150 prazas na actual fase. Para optar aos devanditos postos, presentáronse 400 solicitantes. Igualmente, Sonia Méndez puxo de relevo o traballo que realiza o Concello de Lugo en materia de asesoramento, así como as obras que ten en marcha e as que se executarán dentro do Fondo Estatal de Investimento Local. Fonte: La Voz de Galicia |






