Inicio Novas A conselleira de Traballo e Benestar anuncia en Lugo a posta en marcha dun novo plan de emprego xuvenil

Imprimir Correo-e

A conselleira de Traballo e Benestar anuncia en Lugo a posta en marcha dun novo plan de emprego xuvenil


Beatriz Mato realizou este anuncio, no marco dunhas xornadas sobre relacións laborais e sobre a xuventude no mercado de traballo.Indicou que o número de parados menores de 30 anos aumentou en 15.158 persoas entre 2008 e 2009 e que o número de afiliados desta idade se reduciu en 49.251 desde 2005.

A titular do departamento autonómico aposta por unhas relacións laborais "máis modernas" e "menos conflictivas".

A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou hoxe a posta en marcha "nun horizonte próximo" dun novo plan de emprego xuvenil, que o departamento irá perfilando nas próximas semanas e que consensuará cos axentes sociais e económicos. Este plan específico se inscribirá dentro do plan de choque que prepara o Goberno galego.

A titular de Traballo lembrou cifras como o aumento interanual, desde abril de 2008, de 15.158 parados máis entre os menores 30 anos e a reducción en 50.000 afiliados á Seguridade Social, nesta mesma franxa de idade, desde 2005 e ata marzo de 2009. Estes datos poñen de manifesto, segundo a conselleira, que a xuventude "é un dos colectivos máis prexudicados pola crise".

Mato realizou estas declaracións no acto de inauguración en Lugo das "III Xornadas sobre cuestións xurídico-laborais de actualidade: xuventude e mercado de traballo", no que asegurou que o seu departamento tentará invertir esta situación de desemprego xuvenil porque "non nos gusta escoitar que os mozos e mozas galegos con formación teñan que marchar de Galicia".

Deste xeito, cualificou de "demoledor" o dato que recolle o informe sociolaboral de Galicia no que se evidencia que o colectivo maioritario da emigración galega cara outras comunidades correspóndese coa franxa de idade de entre 25 e 34 anos, é dicir, mozos que estudaron en Galicia pero teñen que buscar traballo noutras Comunidades.

Sobre o novo plan, a conselleira preferiu non debullar, polo de agora, medidas concretas, porque se negociará primeiro cos sindicatos, pero si adiantou que a súa estratexia pasará por novos sistemas de formación, por unha mellora nos sistemas de orientación profesional e busca de traballo, e por políticas activas de emprego. "O acceso a unha formación de calidade é o requisito irrenunciable para acceder a un emprego tamén de calidade", aseverou durante o seu discurso.

Mato tamén se referiu os datos do desemprego xerais rexistrados na "maior crise económica da democracia". Neste sentido, a titular de Traballo manifestou que a actual crise en España "é a crise do paro", xa que o número de desempregados aumentou ata un millón de persoas no último ano.

A conselleira lembrou que o paro medrou en abril, en termos interanuais, un 31,87 por cento. Un dato que considerou "preocupante", especialmente tendo en conta que tamén caeron nun 4,70 por cento as afiliacións á Seguridade Social. Con estas cifras, Galicia enfróntase á "crúa realidade de contar con máis de 210.000 desempregados, 210.000 traxedias familiares", concluíu.

Acabar con estas cifras de desemprego é, pois, o maior reto do seu departamento, xa que é o problema de "maior relevancia". Unha tendencia que, desde as competencias de Galicia, "tentaremos mudar", aseverou.
No seu discurso, Mato apostou pola creación de emprego como a mellor política social, xa que é a "única que garante a realización persoal, a estabilidade social e a sostibilidade do noso sistema de benestar". Tamén defendeu unhas relacións laborais "máis modernas" e "menos conflictivas", porque non é o momento das discrepancias.

"Non hai mellor política social que crear unhas condicións xerais que faciliten o acceso de todos ao mercado de traballo", explicou a conselleira. Ademais, insistiu no papel fundamental do emprego para conseguir que a sociedade siga avanzando e acade os "elevados niveis de benestar" que conseguiu nos últimos anos.

Por iso, a titular de Traballo e Benestar comprometeuse a levar a cabo "cantas actuacións sexan necesarias" dentro das competencias da Xunta para volver "á senda do crecemento económico e da creación de emprego".

Fonte: Xunta de Galicia

 

 

 

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos