|
|
A xunta de persoal da Xunta en Lugo acaba de presentar unha denuncia na Fiscalía solicitando que se investigue a xestión do edificio multiusos, no que se concentra o groso das oficinas da Administración autonómica na capital e onde, consideran, existen riscos para os traballadores e pode haber malversación de fondos públicos. Os sindicatos acordaron nunha recente reunión pedir que a Fiscalía investigue se os xestores da Xunta puideron incorrer en delitos, xa que entenden que desde hai anos se acumulan anomalías. Entre outras cuestións, as centrais sinalan que se fixeron obras sen permiso, que os traballos de mantemento carecen das certificacións precisas e que hai defectos nas instalacións eléctricas que poden supor un perigo. Tras anos de denuncias públicas e de negociacións coa Administración, as centrais acordaron ir á Xustiza e a denuncia ante a Fiscalía xa se fixo efectiva. A falta de espazo ou a mala ventilación dun edificio no que as fiestras non se poden abrir son queixas do persoal que veñen repetindo desde que o multiusos entrou en servizo. Pero a eses problemas engadíronse outros e as centrais cren que incluso pode haber malversación de fondos e, para ilustrar esa denuncia, destacan feitos como que se gastaron 140.000 euros no sistema de climatización sen que se produciran melloras reais na ventilación do edificio. Ademais, denuncian que o sistema eléctrico non conta coas certificacións precisas e temen que poida haber accidentes, sobre todo despois de que recentemente se producise un curtocircuíto. As centrais consideran que hai tamén riscos no garaxe do edificio, onde se produciron fugas de combustible en varias ocasións, provocando situacións de alarma. No expediente remitido á Fiscalía solicitando a apertura dunha investigación contra a Xunta faise tamén constar que, segundo as centrais, encargáronse obras no edificio a empresas que carecían das acreditacións necesarias para realizar as reformas encomendadas. Todos os sindicatos apoiaron a presentación da denuncia, que chega ante a falta de acordos definitivos para pór fin aos problemas, que se negociaron xa con varias administracións. Fonte: K.A. (Lugo) / El Progreso |






