|
|
Terán produtos frescos e de tempada que serán cociñados, guisados e asados. A USC, a través da súa Fundación Dieta Atlántica, inicia un plan de implantación desta dieta nos comedores universitarios de Santiago e Lugo. Os comedores da USC están actualmente nun proceso de implantación na súa oferta diaria de menús con alimentos atlánticos frescos e de tempada, tanto da horta (cereais, pan, patacas, vexetais, froitas, legumes, castañas e noces), como do mar e dos ríos (peixe, mariscos, algas) e da terra (tenreira galega, porco ou caza), de lácteos e de produtos propios da gastronomía atlántica en xeral e da galega en particular. Estes alimentos, ademais, cociñaranse seguindo as directrices do modelo de alimentación da dieta atlántica, baseado fundamentalmente na cocción, no ferro, no guisado e no asado, mais que na fritura. Deste xeito, ao longo do mes de maio os comedores dos campus de Santiago e Lugo incorporarán na súa oferta os menús Dieta Atlántica, que estarán identificados e que permitirán aos usuarios dos comedores gozar deste modelo alimentario saudable. A iniciativa presentouse nun xantar cos medios de comunicación na Residencia Universitaria Monte da Condesa ao que asistiron o reitor compostelán, Senén Barro, e os profesores Rafael Tojo e Rosaura Leyes. Fonte: La Voz de Galicia |






