|
|
O único punto limpo da capital lucense, situado no Ceao, experimenta un crecente uso, como poñen de manifesto os datos correspondentes ás sucesivas anualidades. No 2007 recolléronse 46.938 quilos de lixo, mentres que no 2008 superáronse os 58.000, unha cantidade que probablemente se excederá no ano en curso. Á vista dos resultados, o concelleiro de Medio Ambiente, Lino González, sinala que se fai necesario programar a creación dun segundo punto limpo e di que o máis indicado sería situalo no sur da cidade. González considera que o funcionamento do único punto limpo que ten a cidade (no Ceao) indica que é conveniente crear outro. O ideal, sinala, sería instalalo na zona sur. Pero, de momento, non hai un terreo elixido para este fin. Sinala que unha vez que se dispoña dun espazo adecuado, o Concello solicitará á Xunta que, do mesmo xeito que asumiu a construción do punto limpo da zona norte, financie outro no sur. De acordo coa información facilitada polo propio Concello, no ano 2007 no punto limpo do Ceao foron depositados 46.938 quilos de residuos; ofrece tamén como dato significativo que se acumularon alí 3.602 metros cúbicos de residuos. O pasado ano, a cantidade rexistrada foi de 58.027 quilos; é dicir, 12 toneladas máis que no exercicio anterior. Os responsables municipais destacan a crecente tendencia a utilizar o punto limpo para desembarazarse de electrodomésticos de liña branca, como son lavadoras, cociñas, fornos, encimeras, etcétera. Igualmente, aumenta o depósito de equipos informáticos. Sempre segundo a mesma fonte, o punto limpo recibiu no 2008 máis de 4.800 electrodomésticos das liñas branca e marrón, 1.474 máis que no ano anterior. Con respecto aos equipos informáticos, no 2008 foron entregados 3.055, mentres que no exercicio anterior foran 2.510. Ao momento limpo foron a parar 369 teléfonos móbiles no 2008, así como 657 baterías, segundo os datos do Concello. Fonte: Enrique G. Souto / La Voz de Galicia |






