Inicio Novas Fomento sinaliza en Lugo 25 zonas de concentración de accidentes

Imprimir Correo-e

Fomento sinaliza en Lugo 25 zonas de concentración de accidentes


As vías con maior número de vítimas mortais non son as que teñen máis radares fixos de Tráfico. As estradas da capital lucense cara a Santiago e Ourense terán case a metade dos sinais de aviso. Ao longo do presente ano iranse instalando en diferentes tramos de estradas da rede nacional indicadores de tramos de concentración de accidentes (TCA).

Con eles, o Goberno pretende que os condutores saiban con antelación cales son as zonas con máxima precaución polo seu índice de perigo (superior a catro veces o índice medio do conxunto nacional polo seu tipo de vía) ou por contar con estatísticas de vítimas mortais debido a unha velocidade excesiva como factor determinante.

A intención de Fomento é sinalizar antes do verán ata 223 TCA, dos cales 25 sitúanse na provincia de Lugo. Algúns destes puntos irán acompañados de radares, para conseguir un maior control da velocidade.

A longo prazo, Fomento, ademais da sinalización dos TCA, ten previsto acometer melloras nas vías, como a modificación do trazado en planta e alzado, o que obrigará a cambiar a rasante, rectificar peraltes, eliminar curvas, prolongar carrís de aceleración ou deceleración, entre outros, e sempre en función dun estudo previo sobre as causas específicas para que cada tramo sexa considerado moi perigoso.

Tamén quere reforzar e mellorar a sinalización, adecuar os cruces e reordenar accesos, instalar barreiras de seguridade, aumentar a adherencia do firme e outras actuacións como a instalación de farois e semáforos.

No caso de Lugo, chama a atención que as dúas vías que maior número de paneis de tramos de concentración de accidentes sexan a N-540 e a N-547, as que unen Lugo con Ourense e con Santiago. Tamén a vía que discorre pola Mariña, a N-642, terá ata cinco TCA.

A elección destes tramos perigosos non sempre coincide coas valoracións que o Real Automóbil Club de España (RACE) ou coas estatísticas de accidentes mortais.

O RACE, no seu informe sobre zonas con risco elevado, considera que o tramo máis perigoso das estradas nacionais na provincia sitúase en Palas de Rei, en concreto entre os quilómetros 33,2 e 47,3 da N-547 (desde o núcleo urbano ao límite provincial).

A prolongación desta vía cara a Melide, Arzúa e O Pino tamén é cualificada polo RACE cun nivel alto de risco de accidentes. Sendo estes datos tan categóricos, chama a atención que a N-547, nesta zona, careza dun radar fixo, mentres que a A-6, onde só, segundo Fomento, hai un tramo de concentración de accidentes, conta na provincia con ata cinco radares fixos.

Outros tramos perigosos para o RACE son na N-540 desde a variante de Chantada ata A Barrela e desde Guntín ata a variante de Taboada; na N-640 desde Monterroso ata o límite con Pontevedra e desde A Pontenova ata Meira; na N-634 desde San Miguel de Reinante ata Vilamar e desde a variante de Vilalba ata o cruzamento coa N-VI en Baamonde; na N-120 desde o enlace de Pobra de Brollón ata o inicio da vía rápida cara a Ourense; e na N-VI desde Rábade ata Baamonde. Todos eles son cualificados de risco medio-alto.

A provincia de Lugo conta con nove tramos de risco elevado, 14 de risco medio e 9 de nivel baixo ou medio baixo, segundo o RACE.

Fonte: Suso Varela / La Voz de Galicia

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos