O deterioro da estación de autobuses ameaza a continuidade do restaurante |
O propietario do Mencía Mencía critica que as administracións incumplan a promesa de reformar a terminal. Tanto lucenses como visitantes afirman que o restaurante é «do pouco salvable» na estación de autobuses de Lugo.
Unha especie de «oasis» no medio da degradación que anida no resto da terminal, onde as instalacións anticuadas e a falta de seguridade son caldo de cultivo a diario de pelexas, roubos, ameazas e insultos a viaxeiros e traballadores, destrozos, venda e consumo de drogas ou fugaces encontros sexuais, entre outros sucesos. Un deterioro imparable que fai peligrar a continuidade do restaurante, segundo afirmou onte o propietario do Mencía -forma parte do grupo A Palloza-, Ramiro López. «Hei de aguantar o que poda, pero estou desmoralizado. Ninguén fai nada. Vese que a estación está ben así para recibir ao turismo, que a teñan, pero eu estou acabando a paciencia, e cando acabe pecho [...] Grazas a Deus non dependo do negocio da estación para vivir», explicou o hostaleiro lucense. Recordou que nos preto de cinco anos que leva funcionando o restaurante da terminal -abriu o 13 de setembro do 2004-, as diferentes administracións incumpliron todas as promesas de reformar e adecentar o recinto público. «Fixemos un investimento moi grande pensando que todo ía ir acorde [mellóra do resto da terminal de autocares], pero seguimos igual; eu máis non podo facer», lamentou o empresario, que neste tempo tocou a «todas as portas». «Non saben o dano que lle fai a Lugo ter a estación así», reflexionou. A única razón que polo momento o anima a seguir adiante -afirma- son as 14 persoas ás que dá emprego nel. «Non teñen culpa de nada, e moito menos de ter uns representantes nas administracións inútiles e nefastos, peor imposible». Neste sentido recordou que nas quendas de traballo vese obrigado a incluír sempre a un home e a unha muller porque, debido á inseguridade, «non podemos deixar que estean dúas mulleres soas». Ao parecer, as ameazas son habituais e por este motivo tamén ten dificultades para atopar persoal. Algúns empregados néganse a traballar no lugar. Fonte: Lucía Rei /La Voz de Galicia |