O Concello busca unha maior implicación social en Arde Lucus |
Nesta edición dará protagonismo especial aos escolares do municipio. A festa de ambiente romano Arde Lucus ofrecerá novidades na súa edición deste ano. Xunto ás xa dadas a coñecer, a concelleira Rosana Rielo anuncia que terán especial protagonismo os escolares lucenses.
A citada edila lucense sinala que o Concello pretende promover a participación dos colexios e as asociacións de pais de alumnos no Arde Lucus. Este ano haberá un desfile especial para os centros escolares. De momento está confirmada a participación dos Salesianos e do Quiroga Ballesteros; outro colexio adiantou que participará, pero aínda non o confirmou. Deste xeito, prevese que no desfile interveñan centos de rapaces. Doutra banda, a mesma concelleira lucense anuncia, en resposta a preguntas do xornalista, que haberá un espectáculo de rúa, duns vinte minutos de duración, titulado A clase de oratoria . Rielo di que en ton de humor pasarase revista aos principais fitos culturais e sociais da antigüidade e do presente. Este será un dos moitos espectáculos de rúa que incluirá a próxima edición do Arde Lucus, que se celebrará os días 26, 27 e 28 de xuño. «Creo que chamará poderosamente a atención», declara a edila. Por outra banda, a mesma integrante do goberno local explicou que nas olimpiadas, a maiores do que había nos anos anteriores, implicaranse moi directamente a catro asociacións que colaboran. Cada unha delas presentará un par de propostas de xogos. Estes catro colectivos competirán entre eles. O que se leve a copa terá que custodiala ata o próximo ano e será o encargado de organizar as seguintes olimpiadas. Deste xeito, os organizadores queren dar máis participación ás asociacións, segundo Rosana Rielo. Fonte: E.G.S./ La Voz de Galicia |