Os promotores galegos reclaman á Xunta que asuma como vivendas de protección oficial aquelas que non poden vender |
O vicepresidente dos promotores galegos, David Vilela, instou hoxe ao Goberno da Xunta a que asuma como vivendas de protección oficial aquelas que non poden vender e están libres. Neste sentido, Vilela suxeriu que se fixe "algo" por parte do executivo autonómico para que estas vivendas "poidan converterse en vivendas de protección oficial, con algún tipo de financiamento especial en forma de axudas ao comprador".
Así, indicou "cando esas vivendas estean ocupadas" poderán "iniciar outras". "Non ten sentido que esteamos facendo máis pisos cando temos unha serie deles que están baleiros, porqué están sen vender", sinalou. En concreto, este sector propuxo á Xunta que "non se fagan máis vivendas de protección oficial" cando "hai tantas paradas en Galicia". No entanto, dixo descoñecer cantas se atopan nesta situación na comunidade autónoma, aínda que sospeita que "son moitas". Ademais, David Vilela constatou que no que vai de 2009 reducíronse as vendas de vivendas en Galicia en máis dun cincuenta por cento, con respecto aos resultados do pasado ano que xa foi, asegurou, "un mal ano". "O sector da construción está prácticamente paralizado. Si seguen as cousas así, vexo bastante difícil que se empece nada novo", alertou. Finalmente, tampouco quixo pasar por alto o incremento do paro no sector en Galicia, que, indicou, "aumentou unha barbaridade" e criticou que a clase política "non interveña" para paliar esta "sangría". Fonte: EUROPA PRESS |