|
|
As visitas aos concesionarios de automóbiles de Lugo experimentaron un incremento que rolda o 30% tras o anuncio das medidas de estimulación económica para a venda de coches impulsadas polo Executivo estatal (Plan 2000E) e a Xunta de Galicia. Ambas as subvencións, que poderían comportar unha dedución duns 2.200 euros para os usuarios que adquiran un vehículo novo e que poidan complementar tanto a rebaixa das firmas automobilísticas como as das dúas administracións por entregar o coche antigo e facerse cun recentemente saído de fábrica cuxo custo non exceda os 27.000 euros. A subida de usuarios, "moi notable", segundo coinciden a maioría dos responsables dos trece concesionarios activos na capital provincial, vai do 100% calculado por Genaro Saavedra, xerente de Lugocar (Fiat, Lancia e Alfa Romeo) e Lugomotor (Ford), ao dez por cento manifestado polo seu homólogo da compañía Xistral Auto (Nissan e Honda), Ramón González. De calquera modo, as axudas non se traduciron en vendas reais, segundo indicou o presidente da Federación Galega de Talleres (Fegat), o lucense Luis Abelleira. Asegura que existe unha paralización das matriculacións por mor da desinformación dos concesionarios sobre como se deben aplicar as subvencións. Nesta tesitura atópanse decenas de vehículos na zona, como apuntaba o máximo responsable de Autolusa (Audi, Volkswagen e Skoda), Vicente Quintas, que cifrou en 22 "unidades", os coches á espera de matricular para darlles saída nas súas instalacións. "Consideramos que en tres ou catro días isto debería estar resolto e esperaremos", asegurou Quintas. A pesar das boas perspectivas, as dúbidas sobre como se farán efectivas as distintas liñas de financiamento son xeneralizadas no sector. O representante dos talleres asegurou que os profesionais están sumidos no "descoñecemento total" e sinalou que os plans se dispuxeron "con absoluta precipitación". "Hai menos operacións de venda que antes, porque o anuncio das axudas serviron para crear expectativas que non se poden cumprir. Aínda que o Plan Vive [que permitía o financiamento de 10.000 euros a interese cero durante cinco anos para a compra de utilitarios novos] non funcionaba como debese, si atraía a un perfil de comprador novo con recursos limitados. Agora ese plan xa se acabou, pero se descoñece como se van a aplicar as novas axudas", afirmou. A xuízo de Abelleira, facer partícipes aos fabricantes das axudas foi un erro, xa que, segundo alerta, isto implicará que non todos os modelos de coche obteñan a mesma rebaixa. Serán os coches que os fabricantes teñan en stock' ‘os que obteñan as axudas máximas, de forma que o consumidor deberá adaptarse a esa oferta e, se quere obter rebaixas de 2.000 euros, cinguirse ao modelo que cada fabricante decida subvencionar. "Os concesionarios non sabemos se a axuda ten o IVE incluído ou non, se se aplica a coches de cinco anos ou non, cando imos cobrar as deducións... non sabemos nada", expuxo, coincidindo nesa postura con José Luís Sánchez, xerente do concesionario Gestoso (Renault), que destacou que "non hai negro sobre branco nun papel oficial e así aínda non hai garantías". Nese sentido, a FEGAT confía en que o presidente da Xunta os reciba nos próximos días e lles aclare como se farán efectivas esas axudas. "É un tema moi importante. Debido ás escasas vendas ata agora, a tesourería dos concesionarios non é suficiente para adiantar as axudas. Se as subvencións se fan efectivas en quince días ou un mes, as entidades bancarias estarán dispostas a adiantar o diñeiro; se tardan seis meses, non", indicou, á vez que reclamou que se aclaren as formas de cobro e os prazos. Fonte: E.R. + M.P. / El Progreso (Lugo)
|






