Inicio Novas O presidente da Xunta afirma que ao redor de 500.000 galegos se beneficiarán dun aforro medio de 7.000 euros na compra dunha vivenda

Imprimir Correo-e

O presidente da Xunta afirma que ao redor de 500.000 galegos se beneficiarán dun aforro medio de 7.000 euros na compra dunha vivenda


O presidente da Xunta, anunciou hoxe, tras a rolda de prensa do Consello da Xunta que se celebrou en Pontevedra, a segunda medida para loitar contra "a tráxica herdanza económica", unha rebaixa fiscal do 50% dos impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda habitual para familias numerosas e para menores de 36 anos.

"Imos reducir no 50% os dous impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivendas. O imposto de transmisións patrimoniais e o imposto de actos xurídicos documentados. E ímolo facer en beneficio das familias numerosas galegas, máis de 67.000, e en beneficio dos maiores de 18 anos e menores de 36 anos, máis de 330.000".

"Estamos polo tanto facendo unha rebaixa fiscal para que ao redor de 500.000 galegos poidan resultar beneficiados, e estamos reducindo as transmisións patrimoniais do 7% ao 4%, e de actos xurídicos documentados do 1% ou 0.75% segundo os casos, ao 0.33% para todos os casos", destacou o mandatario autonómico na súa intervención tras a reunión do Goberno.

Feijóo quixo subliñar que este tipo de diminución da rebaixa fiscal do 50% dos impostos autonómicos que gravan a adquisición de vivenda, se fai para todas as operacións, xa sexa primeira adquisición de vivenda, ou outra adquisición, sempre que a vivenda que se adquira se dedique exclusivamente a vivenda habitual.

Esta decisión do Goberno galego vai supoñer que non só se vai beneficiar o que compra por primeira vez unha vivenda, senón que tamén se beneficia o que cambia esa vivenda, sempre que esa vivenda que cambia se dedique exclusivamente a vivenda habitual. "Pensamos que esta reforma está xustificada, é necesaria, é posible é solidaria e é loxicamente excepcional, e polo tanto temporal", engadiu.

O presidente da Xunta destacou que "a reforma é xustificada", porque non é o mesmo a política fiscal en tempos de bonanza que en tempos de crise económica; a reforma "é necesaria" porque temos censadas máis de 60.000 vivendas que se queren vender pero que non teñen comprador, e por iso imos intentar impulsar as compras de vivendas habituais en beneficio das persoas que máis o necesitan neste momento.

Feijóo considerou que a reforma "é posible" porque temos autogoberno para facelo, e polo tanto temos que exercitar as nosas capacidade, aínda que sexan limitadas, "é asumible" porque o custo anual previsto non excederá de 7 millóns de euros anuais, pero incrementaremos outros impostos a través de incentivar o consumo, porque cada vez que se compra unha vivenda nova se incrementa o número de electrodomésticos, mobles e accesorios e polo tanto se incentiva o consumo.

O titular do Goberno galego destacou que a reforma "é lóxica e é sensata", porque Galicia é unha das Comunidades que tiña os tipos destes dous impostos máis altos de toda España e puxo como exemplo que, o aforro medio estimado nunha vivenda de 180.000 euros será de 7.000 euros.

Engadiu na súa exposición que a medida "é excepcional, e polo tanto temporal", porque será como mínimo ata o ano 2011 e poderase prorrogar anualmente pola Lei de presupostos ata que saiamos da crise económica na que estamos instalados.

O mandatario galego afirmou que o goberno da Xunta "vai seguir apostando por medidas económicas para saír da situación crítica na que estamos". Para Feijóo, sen dúbida a primeira e imperiosa obriga deste Goberno é loitar contra a tráxica herdanza económica que hoxe está a padecer Galicia, e puxo como exemplo un dato que resume a situación de Galicia: "cos datos do primeiro trimestre, xaneiro-marzo do ano 2009, polo tanto, cos datos antes do cambio de Goberno, Galicia está en recesión económica".

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, feitos públicos onte, Galicia ten un crecemento negativo superior ao 2%, é a primeira vez, desde 1993 que Galicia entra en recesión económica. "Polo tanto –subliñou Feijóo- temos que extremar todas as medidas económicas, todas as que estean á nosa disposición. Co autogoberno, coa capacidade normativa, coa capacidade tributaria e coa capacidade fiscal que ten o Goberno, temos que extremar todas as medidas para volcarnos na situación de recesión económica que está a vivir o noso país".

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos