Inicio Novas Os contratos para o San Froilán, ao ralentí en espera da caída de prezos

Imprimir Correo-e

Os contratos para o San Froilán, ao ralentí en espera da caída de prezos


O Concello de Lugo mantén ao ralentí o proceso de contratación de atraccións musicais para as próximas festas de San Froilán. A crise parece reducir a demanda e, como consecuencia, o custo dos espectáculos está á baixa.

Polo menos así o entenden os responsables da organización das festas patronais, que, antes de empezar a pechar contratos, queren ver como varían os prezos con respecto a principios de ano.

A concelleira de Cultura, Concepción Burgo, admite que no seu departamento estanse tomando as cousas con máis acouga que noutras edicións á hora de establecer contratos para as atraccións musicais do San Froilán, á espera de ver como evolucionan os prezos. Di que non lle gustaría que o Concello pagase innecesariamente prezos superiores ao que impoña a evolución deste mercado, en función das variacións derivadas da crise.

Burgo di que, por este motivo, non se pecharon máis compromisos dos xa anunciados, entre os que está un actuación do grupo Fuxan os Ventos.

Con respecto ás previsións do equipo de López Orozco, cabe recordar que fai algunhas semanas Concepción Burgo adiantou que este ano o orzamento do San Froilán será inferior ao da anterior edición, polo que tamén haberá algún concerto menos.

O San Froilán 2008 xerou gastos por 1,1 millóns e, para cubrilos, o Concello viuse na obrigación de aportar, con cargo ao seu orzamento, 540.000 euros, segundo o balance dado a coñecer.

A citada integrante do goberno local sinalou que tamén este ano haberá un novo libro da colección O San Froilán dos devanceiros , pero non quixo concretar que aspecto abordará. A concelleira delegada do alcalde para Cultura sinalou que perfila este asunto xunto ao coordenador de publicacións do Concello, Darío Xohán Cabana.

Fonte: G. Souto / La Voz de Galicia

 

Publicidade

Axenda

<<  Maio 2012  >>
 Lu  Ma  Me  Xo  Ve  Sa  Do 
   1  2  3  4  5  6
  7  8  910111213
14151617181920
21222324252627
28293031   

Próximos eventos