|
|
Veñen días de complicacións no tráfico rodado na capital. Nun prazo de quince ou vinte días comezarán, segundo as previsións do concelleiro de Infraestructuras, José Piñeiro, as obras, acollidas ao Fondo Estatal de Investimento Local, para a nova urbanización da avenida de Ramón Ferreiro O cartel anunciador xa foi instalado e o citado edil recoñece que a adxudicación á empresa Asogal aínda non é definitiva. Admite tamén que aínda non está elaborado o necesario plan de tráfico. As obras na avenida de Ramón Ferreiro non serán unha chapucilla: nin polo que supoñen en canto a urbanización, nin polo seu impacto no tráfico rodado; tampouco pasarán inadvertidas pola incidencia que terán sobre centros de ensino como os institutos Lucus Augusti, Nosa Señora dos Ollos Grandes e o colexio Aneja. Desde a semana pasada, loce xa o cartel que identifica a aínda non iniciada obra como unha das incluídas no Fondo Estatal de Investimento Local. O edil de Infraestructuras dixo onte, en resposta a unha pregunta do xornalista, que a adxudicación aínda non é definitiva, pero no cartel xa figura o nome da empresa Asogal. Piñeiro sinalou que o plan de tráfico para esta obra trazarase unha vez que a adxudicación sexa definitiva. En todo caso, de momento non parece haber previsións para resolver o considerable problema de estacionamento que creará a eliminación das prazas que se vexan afectadas en cada momento por este proxecto. O mesmo concelleiro indicou que no caso de Ramón Ferreiro, con respecto ao tráfico, hai unha vantaxe: ten dous carrís en cada sentido, co que hai unha marxe de manobra bastante amplo para organizar o tráfico. Piñeiro indicou que no posible a planificación tratará de minimizar as molestias aos centros de ensino. «Trataremos de empezar por onde menos problemas se cree aos centros», manifestou. Non deixou de destacar que se trata de obras cun prazo longo (sete meses). As máis recentes obras realizadas na avenida de Ramón Ferreiro (por outra empresa distinta ás que as executará agora) deixaron un mal recordo con respecto ao cumprimento dos prazos previstos. A reforma da mediana prolongouse moito máis do previsto inicialmente. O citado integrante do goberno local recordou que no municipio de Lugo serán executados 79 proxectos con cargo ao Fondo Estatal de Investimento Local, cun orzamento total de máis de 16,5 millóns. Fonte: G. Souto / La Voz de Galicia |






